O Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa atravesa o Concello de Mos.
En Mos atópanse abundantes restos arqueolóxicos que son testemuña dunha intensa ocupación do territorio. Aínda así, desde a existencia de poblacións prehistóricas documentadas pola presenza do Campo de Mámoas e a Pedra Cabaleira (dolmen con restos de corredor incipiente) non hai máis datos ata a romanización.
Naquela época por Mos transcorría a vía romana que unía Braga con Lugo e Astorga. O Concello de Mos, comezou a utilizar o título de vila desde o último terzo do século XVII ata primeiros do século XIX. A mediados do século XIII era coñecida co nome de Molis.
As actuais parroquias de Mos estaban antes distribuídas en tres xurisdicións pertencentes á antiga provincia de Tui. As de Mos e de Torroso dependían do marqués de Mos; Cela, Dornelas, Petelos e Sanguiñeda do Conde de Salvaterra e Guizán, Louredo, Pereiras e Tameiga, do Conde de Maceda.
Coa creación dos primeiros concellos constitucionais en España, no ano 1833, xorde tamén o de Mos, formado desde o primeiro momento polas dez parroquias que ten na actualidade. O cambio máis importante prodúcese en 1935, co traslado da Casa do Concello, desde Mos a Petelos.